Antía de la Fuente Rey, nacida en 1995 en Laracha, A Coruña, é unha figura inspiradora que combina a paixón polo deporte co éxito académico e profesional. Tras destacar no salvamento deportivo, Antía graduouse en Medicina coa especialidade de Cardioloxía e actualmente reside en Toronto, Canadá, onde está completando o último ano da súa residencia cunha formación en cardiopatías conxénitas.
1. ¿Cómo che axudou o salvamento deportivo a desenvolver habilidades fundamentais na túa carreira como médica?
O salvamento deportivo foi clave para min. Aprendín a traballar en equipo e a comunicarme con persoas moi diversas, algo que agora aplico nos equipos multidisciplinares cos que colaboro no hospital. Ademais, desenvolvín tolerancia á frustración; no deporte, como na vida, non sempre se pode ser o número un. Aprender a aceptar os fracasos e utilizalos para mellorar foi unha lección valiosa. Por último, inspiroume profundamente o obxectivo filantrópico de salvar vidas, algo que influíu directamente na miña decisión de estudar Medicina.
2. ¿Que mensaxe lles darías ás mozas que soñan con destacar no deporte e cursar estudos superiores?
O deporte é fundamental para manterse saudable, pero hai que ter coidado co perfeccionismo. A alto nivel, é necesario establecer prioridades porque o día só ten 24 horas. Non se pode ser excelente en todo á vez. Recomendaría reflexionar sobre o que realmente aporta cada actividade á vida e decidir en función diso. A mensaxe "Ti podes con todo" pode ser perigosa se leva á obsesión ou á frustración. É importante ter organización e disciplina, pero tamén saber poñer límites á autoesixencia.
3. Desde a Laracha, como cres que podemos promover a inclusión e igualdade de oportunidades no deporte?
Na miña experiencia como deportista, vin barreiras importantes. Por exemplo, o custo do material específico pode ser prohibitivo para moitas familias, polo que sería útil ofrecer máis axudas e bolsas no deporte base. Outra dificultade era a falta de transporte público para os nenos do rural; moitos tiñan que esperar ata ter idade para conducir unha moto para asistir aos adestramentos. Mellorar o transporte público sería esencial para facilitar o acceso ás instalacións deportivas. Ademais, alégrame saber que xa existen relevos mixtos e actividades inclusivas para romper estereotipos de xénero.
4. ¿Que segue facendo actualmente en termos de deporte?
Aínda que non practico o salvamento de forma competitiva, sigo mantendo unha rutina deportiva regular. O exercicio físico é fundamental para a saúde mental e física. Cando veña a Laracha, estaréI encantada de visitarvos e responder calquera pregunta que queirades.