Nesta sección presentamos o decálogo de normas de convivencia para todos os nosos deportistas e familiares. Neste enlace poderedes descargar o documento.
Valores Fundamentais
O Club de Salvamento e Socorrismo Laracha traballa cada día para ser un referente dentro e fóra da auga. Este esforzo está guiado polos valores de compromiso, respecto e exemplaridade.
O decálogo recolle as normas básicas que guían o comportamento de deportistas, familias e comunidade, buscando garantir unha convivencia respectuosa, organizada e coherente cos valores do club.
I. Normas de Disciplina e Comportamento
1. Respecto ao Persoal Técnico
As indicacións do persoal técnico deben ser atendidas con respecto e disposición. O adestrador ou adestradora é a persoa responsable do grupo e guía o proceso de aprendizaxe técnico e persoal. Cumprir coas súas directrices e escoitar con atención fortalece o funcionamento do equipo e asegura a convivencia e seguridade.
2. Puntualidade e Asistencia
A puntualidade e a asistencia son sinais de compromiso. É fundamental acudir ás actividades cunha marxe de tempo axeitada e avisar con antelación no caso de non poder asistir.
3. Ambiente de Apoio
Animamos con alegría, unión e respecto. O apoio positivo é un dos sinais da identidade do club.
4. Deportividade
O respecto ao rival e ao persoal arbitral é innegociable. Valorar o esforzo doutras persoas competidoras e aceptar as decisións arbitrais con deportividade forma parte da nosa formación.
5. Seguridade dos Menores
Os menores están sempre acompañados á saída dos adestramentos. Especialmente no verán, na contorna da piscina, as familias ou persoas autorizadas deben estar á hora indicada para recoller aos nenos e nenas, garantindo a súa seguridade.
6. Colaboración
A colaboración nas tarefas é parte da identidade do club. O transporte, montaxe e recollida do material é unha responsabilidade compartida.
II. Uniforme e Representación Institucional
1. Uso Obrigatorio
O uso do uniforme oficial do club é obrigatorio en actos, competicións e podios. É imprescindible asistir correctamente uniformado/a a todos os eventos do club.
2. Composición
A equipación oficial está composta pola camiseta amarela e negra corporativa e o pantalón curto amarelo e negro ou pantalón longo negro.
3. Modificacións
Non se aceptan modificacións persoais da roupa nin combinacións alternativas durante actos públicos.
4. Actitude no Podio
Durante a entrega de medallas manterase unha actitude respectuosa e institucional. O podio é un espazo simbólico. Represéntase ao club desde a sobriedade, a gratitude e o respecto.
III. Coidado do Material e Instalacións
1. Material Deportivo
O material deportivo (táboas, nippers, skies, manequís, aletas e demais material técnico) debe ser tratado con coidado e responsabilidade. Este material forma parte do patrimonio colectivo do club.
2. Manipulación
A correcta manipulación do material nos adestramentos, desprazamentos e competicións é fundamental.
3. Uso na Área de Competición
Durante as competicións, cando o material está disposto na area, non se utiliza como zona de xogo nin se emprega para sentarse.
4. Coidado das Instalacións
Coidamos do entorno e das instalacións que empregamos. Mantemos a orde, respectamos as normas e deixamos todo limpo e ordenado.
5. Furgoneta do Club
A furgoneta do club é de uso exclusivo para actividades oficiais. O seu uso debe estar previamente autorizado pola directiva e responder unicamente a necesidades deportivas ou loxísticas.
6. Carpa do Club
A carpa do club é un espazo de concentración e preparación para os deportistas. Durante as competicións, destínase exclusivamente ao descanso, preparación e concentración.
IV. Comunicación e Incidencias
1. Canles Oficiais
As incidencias ou accidentes (en campionatos, adestramentos ou fóra deles), solicitudes ou consultas deben realizarse polos canles oficiais do club. Este sistema garante unha comunicación clara, organizada e eficaz.
2. Contactos Oficiais
Email: salvamentolaracha@gmail.com
Teléfono: 639 078 844
3. Xestión de Situacións
As situacións que non se axusten a este decálogo serán tratadas con calma, diálogo e espírito educativo. No SAL confiamos no compromiso cívico de todas as persoas que forman a comunidade.
V. Cotas e Obrigas Económicas
1. Sistema de Cotas
Os pagos mensuais corresponden ao fraccionamento da cota anual, establecida unha vez se realiza a ficha federativa.
2. Compromiso Anual
A ficha federativa implica o compromiso anual coa actividade deportiva. Non é posible seleccionar nin aboar parcialmente as actividades mensuais, xa que todas forman parte do programa deportivo e da planificación anual do club.
3. Regularidade
O pago puntual das cotas garante o funcionamento do club, a continuidade das actividades e a dispoñibilidade de recursos materiais e humanos.
#SOMOSSAL #SOMOSEXEMPLO
Compromiso, respecto e exemplaridade